DEPORTESDECIUDAD

UNETE A NUESTRA RED

Bicicleta pública El Ferrol

bici-ferrol-5-11EL FERROL

Alquiler bicicletas El Ferrol

Bicicleta pública El Ferrol

http://www.biciferrolterra.com/Default.aspx

 

Biciferrolterra é un sistema que che permite disfrutar do teu entorno utilizando as bicicletas que os Concellos de Ferrol e Narón poñen á túa disposición en distintos puntos da cidade e que che permiten desprazarte cómoda e saudablemente.

 

Para comezar a disfrutar de tódalas bicicletas que o servicio pon a túa dispor tés que darte de alta.

 

Na páxina de inscipción dispós de máis información sobre as regras que rixen a utilización desta plataforma.

 

Recorda que se trata dun servizo público do que deben disfrutar tódolos usuarios, polo que che agradecemos que trates con coidado as bicis, respetes as normas e circules con precaución, sempre atendendo ó tráfico. Moitas grazas!

 

informacionNORMATIVA COMÚN DE USO DO SERVIZO MUNICIPAL DE PRÉSTAMO DE BICICLETAS NOS CONCELLOS DE FERROL E NARÓN

 

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto deste regulamento é establecer as normas de uso para o servizo de préstamo de bicicletas dos municipios de Ferrol e Narón, consistente na posta a disposición dos cidadáns e visitantes dun sistema automático de préstamo de bicicletas para o transporte urbano, lúdico e de paseo, de xeito que se anime e facilite a utilización da bicicleta como alternativa limpa e saudable. O servizo queda limitado aos termos municipais dos Concellos de Ferrol e Narón.

Artigo 2. Usuarias e usuarios

O servizo de préstamo de bicicletas está dirixido a persoas maiores de idade, aínda que os menores con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos poderán gozar do sistema coa previa autorización expresa e responsable dalgún dos seus pais ou titores legais. É obrigatorio que os menores de 16 anos vaian acompañados dun adulto cando usan a bicicleta. Queda expresamente prohibida a alta e a utilización do servizo a menores de 14 anos. Na autorización deberá facerse constar que a nai, o pai ou a titora ou titor legal se responsabiliza de todos aqueles danos que, directa ou indirectamente, poida causar a menor ou o menor como consecuencia da utilización do servizo de préstamo de bicicletas.

Artigo 3. Dereitos das usuarias e usuarios

As usuarias e usuarios do servizo adquiren o dereito á súa utilización nas condicións que se establecen neste regulamento.

As usuarias e usuarios teñen dereito a dispoñer de bicicletas en perfecto estado de uso e funcionamento.

Para calquera reclamación sobre as condicións e circunstancias que afecten á prestación do servizo, as usuarias e usuarios poderán dirixirse ao prestador do servizo a través da do número de teléfono do servizo, da súa páxina web,do seu correo electrónico ou, no seu caso, da oficina de atención e información. O responsable do servizo responderá á consulta ou reclamación no prazo máximo de 10 días naturais contados dende o seguinte ao da recepción da comunicación.

Artigo 4. Obrigas das usuarias e usuarios

A usuaria ou usuario deberá facer uso do servizo coa maior dilixencia posible e conforme as normas de utilización previstas para o préstamo de bicicletas. Deberá facer un uso correcto da bicicleta e devolvela no mesmo estado no que a atopou.

A usuaria ou usuario ten a obriga de comunicarlle ao encargado do servizo as incidencias que se produzan como consecuencia da súa utilización. No caso de accidente ou calquera outro incidente que afecte ás condicións mecánicas das bicicletas, as usuarias e os usuarios terán a obriga de comunicarllo inmediatamente ao encargado do servizo no teléfono de contacto habilitado.

A usuaria ou usuario asume a garda e custodia da bicicleta que retira, e ten a obriga, en todo momento, de actuar dilixentemente e evitar a súa perda, roubo ou furto.

Nestes casos a usuaria ou usuario estará na obriga de comunicarllo inmediatamente ao encargado do servizo, denunciar os feitos á Policía Local, Garda Civil ou Policía Nacional nun prazo máximo de 12 horas, e entregar unha copia da denuncia ao encargado do servizo, no prazo máximo das 48 horas seguintes á data da denuncia.

A usuaria ou usuario tamén estará na obriga de comunicarlle ao encargado do servizo a perda, roubo, furto ou subtracción da tarxeta, en canto coñeza este feito.

A usuaria ou usuario deberá retirar e restituír as bicicletas dentro dos horarios e prazos autorizados. A bicicleta restituirase en calquera dos aparcadoiros libres dos puntos de préstamo, debidamente colocada e enganchada de forma que se garanta a seguridade antirroubo. No caso dunha interrupción no servizo que impida restituír a bicicleta deberá poñela a disposición do encargado do servizo.

A tarxeta persoal deberá ser restituída polas usuarias e usuarios ante a solicitude motivada do responsable do servizo ou das autoridades municipais.

As usuarias e usuarios teñen a obriga de comunicar o cambio de calquera dos datos recollidos na súa alta.

As usuarias e usuarios teñen a obriga de respectar as normas de circulación viaria. Así mesmo, recoméndase o uso de casco de protección homologado e chaleco reflectante, en especial en horas de baixa visibilidade.

Artigo 5. Responsabilidade das usuarias e usuarios

As usuarias e os usuarios do servizo serán as únicas persoas responsables dos danos causados á súa persoa, a terceiros ou a calquera ben moble ou inmoble, pola utilización ou uso normal ou anormal do servizo municipal de préstamo de bicicletas.

A persoa usuaria do servizo será a responsable, en todo momento, das obrigas ou infraccións que se determinen por calquera autoridade ou organismo estatal, autonómico ou local, con motivo da condución da bicicleta.

A bicicleta estará baixo a responsabilidade das persoas usuarias durante o período de tempo transcorrido dende a súa retirada ata a súa devolución nun dos puntos de préstamo do servizo, e asumirán as consecuencias derivadas das sancións por abandono, roubo, deterioro ou non devolución.

En caso de incidente que afecte ás condicións mecánicas da bicicleta, e sen prexuízo da obriga de comunicación, esta quedará baixo a responsabilidade da persoa usuaria ata que a deposite nun punto de préstamo ou a poña a disposición do encargado do servizo.

Artigo 6. Limitacións ao uso

Queda terminantemente prohibido:

  1. a) A utilización da bicicleta fóra do horario e ámbito establecidos.
  2. b) Prestar, arrendar, alugar, ceder ou realizar calquera outro acto de disposición da bicicleta a favor de terceiros, con ou sen ánimo de lucro.
  3. c) O uso da bicicleta para fins distintos aos propios do obxecto do servizo e en particular o seu uso con fins comerciais ou profesionais.
  4. d) O uso da bicicleta en competicións de calquera clase.
  5. e) O uso da bicicleta en lugares tales como escalinatas, ramplas de patinaxe, beirarrúas ou similares e camiños de terra.
  6. f) A desmontaxe ou manipulación da bicicleta.
  7. g) O transporte na bicicleta de calquera persoa ou animal, así como integrar elementos alleos que poidan servir para estes fins.
  8. h) Calquera utilización da bicicleta contraria á prevista nas normas de circulación.

Artigo 7. Funcionamento do servizo municipal de préstamo de bicicletas

A usuaria ou usuario que desexe acceder ao sistema de préstamo de bicicletas deberá realizar a alta a través da páxina web do servizo.

Posteriormente á autorización, poderá facer uso do sistema, para o cal, deberá dirixirse a un dos dezaoito aparcabicicletas e achegar a súa tarxeta identificativa ao lector da praza correspondente á bicicleta que desexe retirar, co que, co recoñecemento previo da usuaria ou usuario, accionará a pechadura do cadeado de forma automática liberando a bicicleta.

Á hora de devolvela deberá aparcar nunha praza libre en calquera dos aparcabicicletas situados na cidade, asegurándose de que a bicicleta queda ben suxeita.

Artigo 8. Puntos de préstamo das bicicletas:

En Ferrol:

  • Avenida de Castelao (Caranza)
  • Esteiro
  • Paseo do Peirao de Curuxeiras
  • A Malata (estadio da Malata)
  • Serantes (zona escola universitaria)
  • Cantón de Molíns
  • Praza do Inferniño
  • Avenida de Compostela (estación do tren)
  • Rúa Alegre (Canido) En Narón:
  • Centro de Saúde (rúa 25 de Xullo)
  • Praza da Gándara (rúa Vilalba)
  • Odeón (avda. Cataluña)
  • Pista Polideportiva Sta. Icía (rúa Francisco Pizarro)
  • Estrada de Castela, rotonda de Freixeiro (oficina de Turismo)
  • Estrada de Castela (gardería de Piñeiros)
  • Paseo Marítimo de Xuvia (Colexio Ponte de Xuvia)
  • Estrada de Cedeira P.Km. 0,900 (institutos)
  • Polígono Río do Pozo (Agrupación Protección Civil)

Non obstante o anterior, a Administración resérvase a facultade de aumentar ou diminuír os puntos de préstamo e os horarios de utilización, dando suficiente publicidade ás medidas adoptadas.

Artigo 9. Condicións de uso

As usuarias e os usuarios do servizo poderán facer uso diario das bicicletas dentro do seguinte horario:

Día Verán (1 de abril a 30 de setembro)

Inverno (1 de outubro a 31 de marzo)

De luns a venres De 7:30 a 21:00 De 7:30 a 21:00

Sábado De 9:00 a 20:00 De 9:00 a 19:00

Domingos e festivos De 10:00 a 20:00 De 10:00 a 19:00

HORARIO DE OFICINA: Luns a venres 12:00 a 13:30h. Venres 16:30 a 19:00h.

Non se prestará o servizo os días 01 de xaneiro, e 25 de decembro.

Ademais, o servizo suspenderase ás 15:00h os días 05 de xaneiro, 24 de decembro e 31 de decembro.

Enténdese por días festivos os de carácter estatal e autonómico, e os festivos locais que sexan comúns aos dous concellos.

A utilización da bicicleta limítase a dúas horas, debendo a persoa usuaria depositala en calquera dos aparcadoiros do servizo antes de que transcorra este período. A tarxeta quedará desactivada durante cinco minutos, transcorridos os cales poderase solicitar un novo préstamo.

Media hora antes da finalización diaria do servizo non se poderán retirar bicicletas dos puntos de préstamo, pero si devolver aquelas bicicletas que aínda estean en uso.

As condicións establecidas neste artigo poderán ser modificadas por acordo motivado do órgano competente, do que se informará debidamente ás usuarias e usuarios a través daqueles medios establecidos para garantir o seu coñecemento.

Artigo 10. Prezo do servizo

As tarifas determinaranse na ordenanza correspondente.

As tarifas poderán ser variadas, logo da tramitación administrativa que corresponda para o seu establecemento.

Artigo 11. Alta no servizo

Para obter a condición de usuarias e usuarios no servizo municipal de préstamo de bicicletas os cidadáns ou as cidadás deberán realizar a alta a través da web do servizo ou, no seu caso, nas oficina de atención e información existente, mediante a presentación dos formularios oportunos e documentación que se requira.

Logo de comprobar os datos, enviaráselle ou entregaráselle á persoa solicitante a tarxeta persoal de préstamo e o PIN de usuaria, que terá carácter persoal e intransferible.

Artigo 12. Baixa no servizo

As usuarias e usuarios poderán darse de baixa do servizo municipal de préstamo de bicicletas:

  1. a) Voluntariamente, mediante o procedemento que se indique.
  2. b) Pola comisión dalgunha infracción tipificada como grave ou moi grave segundo o disposto no artigo 13.

A baixa do servizo nestes supostos terá como consecuencia a perda de todos os dereitos. A persoa usuaria deberá, no caso de estar novamente interesada, darse de alta como se dunha nova usuaria se tratase.

Artigo 13. Procedemento sancionador

O réxime sancionador rexerase polo disposto no título XI da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, séndolle de aplicación os principios establecidos no artigo 127 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nas súas normas de desenvolvemento, especialmente no Real decreto 1398/93, do 4 de agosto, e que será tramitado polo concello no que se teña producido a infracción de que se trate.

Artigo 14. Clases de infraccións

O incumprimento das normas previstas neste regulamento clasifícanse coma moi graves, graves e leves.

Son infraccións moi graves:

– Os actos de deterioro, abandono, perda, roubo ou furto dos equipos, infraestruturas, instalacións ou elementos do servizo.

– O impedimento do uso do servizo a outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.

– O impedimento ou a grave e relevante obstrución do normal funcionamento do servizo.

Son infraccións graves:

– O incumprimento das obrigas establecidas no artigo 4.

– O incumprimento das limitacións establecidas no artigo 6.

Son infraccións leves:

– O atraso na entrega da bicicleta.

– Calquera outra infracción das presentes normas non cualificadas neste regulamento como graves ou moi graves.

Artigo 15. Sancións

As infraccións tipificadas no artigo anterior serán sancionadas como segue:

  1. Moi graves: multa de ata 1000 € e baixa no servizo durante 9 meses.
  2. Graves: multa de ata 300 € e baixa no servizo durante 6 meses.
  3. Leves: inhabilitación temporal da tarxeta.

Artigo 16. Inhabilitacións da tarxeta de usuaria ou usuario

O atraso na entrega dunha bicicleta con respecto ao horario previsto no artigo 9 non será motivo de baixa, pero sí de inhabilitación temporal da tarxeta persoal, segundo o tempo de demora seguinte:

– Se o atraso na entrega se produce durante o horario de prestación do servizo, a inhabilitación será de 3 días naturais por cada hora de atraso ou fracción.

– Se o atraso na entrega se produce fóra do horario de prestación do servizo, a inhabilitación será de 6 días naturais por cada hora de atraso ou fracción.

Os datos recollidos no sistema de control, que rexistra a hora de retirada e devolución da bicicleta, constitúen a proba de tempo de utilización do servizo para todos os efectos.

Artigo 17. Danos e perdas

O usuario autoriza á empresa xestora do servizo a cobrar os importes dos danos que se puideran infrinxir ao sistema polo seu uso neglixente, tanto por acción como por omisión. Así mesmo, a empresa xestora do servizo poderá reclamar pola vía xudicial ordinaria os danos e perdas que o usuario tivera ocasionado.

Artigo 18. Protección de datos.

A protección de datos das usuarias e usuarios do servizo de préstamo de bicicletas acóllese ao disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. As usuarias e usuarios poderán exercitar os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dirixindo un escrito, xunto coa fotocopia do DNI ou documento oficial que acredite a súa identificación, ao encargado do servizo de préstamo.

 

ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POR UTILIZACIÓN DO SISTEMA MUNICIPAL DE PRÉSTAMO DE BICICLETAS

Artigo 1. FUNDAMENTO LEGAL

O Concello de Narón, ao amparo do disposto nos artigos 41 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, establece o prezo público pola utilización do sistema municipal de préstamo de bicicletas, o cal se esixirá conforme ao establecido na presente ordenanza.

Artigo 2. FUNDAMENTO ECONÓMICO

Constitúe o fundamento económico do presente prezo público a prestación do servizo de utilización do sistema municipal de préstamo de bicicletas, de solicitude e recepción voluntaria e prestado en réxime de libre competencia coa iniciativa privada.

Artigo 3. PERSOAS OBRIGADAS AO PAGO

Están obrigadas ao pago do prezo público regulado na presente ordenanza as persoas beneficiarias da utilización dosistema municipal de préstamo de bicicletas. En caso de menores, serán os pais, nais ou titores/as as que teñen a obriga tributaria.

euro precioArtigo 4. CONTÍA

A contía correspondente a cada persoa que estea obrigada ao pago en concepto de prezo público por utilización do sistema municipal de préstamo de bicicletas aplicarase de acordo ás seguintes tarifas mínimas:

 

– Alta no servizo: 3 € (inclúe a entrega da tarxeta de usuario)

– Cota por día: 1 €

– Cota por semana: 3 €

– Cota por mes: 5 €

– Cota por ano (adultos): 15 €

– Cota por ano (menores de idade): 10 €

– Perda da tarxeta, roubo ou deterioro: 4 €

Artigo 5. XESTIÓN

Para obter a condición de usuarias e usuarios no servizo municipal de préstamo de bicicletas os cidadáns ou as cidadás deberán realizar a alta a través da web do servizo ou, no seu caso, nas oficina de atención e información existente, mediante a presentación dos formularios oportunos e documentación que se requira.

BOLETÍN OFICIAL DA PROVINCIA DA CORUÑA

Artigo 6. NORMAS DE XESTIÓN

O prezo público retribuirase coa alta como usuario/a no servizo municipal de préstamo de bicicletas, momento no que nace a obrigación de aboar a cantidade estipulada, segundo sexa:

  1. a) Anual:

– Cando o suxeito pasivo se dea de alta no servizo municipal de préstamo de bicicletas procederá, xunto coa solicitude e demais documentación esixida segundo o regulamento do servizo, ao aboamento do importe do prezo público.

– Logo de vencer o período dun ano e durante os dez días naturais posteriores á data, o suxeito pasivo procederá igualmente ao aboamento do importe correspondente ao exercicio seguinte. Se pasados eses 10 días non se realizara ningún ingreso, procederase á eliminación como usuario do servizo inutilizando a súa tarxeta.

  1. b) Mensual, semanal ou diario:

Solicitarase a alta igualmente no servizo municipal de préstamo de bicicletas.

Artigo 7.

Unha vez acordada a prestación do servizo e para as xa concedidas, realizarase a liquidación da contía do prezo público correspondente a cada beneficiario, atendendo ao tipo de cota que se aboe de conformidade co artigo 4 da presente ordenanza, que será notificada ao interesado/a coa expresión da obrigación do ingreso das cantidades resultantes con anterioridade ao uso do servizo.

Artigo 8.

En todo o relativo ás infraccións nas súas distintas cualificacións, así como no que respecta ás sancións que lles correspondan, rexeranse polo disposto na Lei 7/1985 de bases de réxime local e regulamento da potestade sancionadora, así como na Ordenanza fiscal municipal correspondente, en canto ao mal uso que realice o usuario do préstamo de bicicleta, sen prexuízo de cantas outras responsabilidades civís e penais poidan corresponderlle ás persoas infractoras.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

Nos termos previstos no artigo 47 da Lei reguladora das facendas locais e normativa concordante, delégase na Xunta de Goberno Local do concello a facultade de modificar o prezo público regulado nesta ordenanza a proposta da Comisión de Seguimento do Convenio para a posta en marcha do servizo conxunto de préstamo de bicicletas dos Concellos de Ferrol e Narón.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse a partir do inicio do servizo conxunto de préstamo de bicicletas dos concellos de Ferrol e Narón, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa ou ben ata a conclusión do servizo conxunto.

comparte esto:
Share

Be the first to comment

Leave a Reply

Tu dirección de correo no será publicada.




Share
4/TpklCnMSGicMAWfvuoTsV-HVoQ2G-OUu9LbNNVScOiE